Friday 19 de April de 2024

O Concello encara a fase final dos traballos no novo centro cívico das Somozas


• O proxecto de construción da infraestrutura conta cun orzamento de 750.000 euros cofinanciados entre fondos municipais e autonómicos.

• Está adxudicado o contrato para instalar mobiliario dentro das instalacións por un importe de 100.000 euros.

• Queda pendente o acondicionamento da zona exterior. Está previsto que as actuacións rematen a finais deste ano.

O Concello das Somozas encara as fases finais da construción do novo centro cívico do municipio. Xa finalizaron os traballos no interior da infraestrutura, que contaron cun orzamento de 750.000 cofinanciados entre a Xunta de Galicia e fondos municipais.

Está pendente, ademais, a instalación do mobiliario no interior das instalacións. Este contrato está adxudicado por un importe de 100.000 euros e permitirá dotar o centro dun equipamento totalmente adaptado as necesidades das persoas usuarias.

Segundo explicou o alcalde, Juan Alonso Tembrás, “o novo centro cívico das Somozas permitirá mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e das persoas de toda a comarca que queiran acceder ó mesmo”. Neste sentido, destacou que “se trata dun dos proxectos máis ambiciosos do Concello a nivel social e económico”.

Esta nova infraestrutura sitúase no centro urbano, na zona onde estaba instalado o antigo cuartel da Garda Civil. O Concello das Somozas adquiriu os terreos, titularidade do Ministerio de Interior, para poder darlle un novo uso ó espazo.
Así, queda pendente o acondicionamento da zona exterior para preparalo para a circulación de peóns e usuarios. Prevese que as actuacións rematen a finais deste ano.

Adquisición dun vehículo adaptado

Ademais dos traballos estruturais, o Concello contempla adquirir un vehículo adaptado para trasladar as persoas usuarias desde as instalacións ata os seus fogares ou lugares de recollida.